domingo, 5 de octubre de 2014

ORACIÓNS SEMANA 6 - 10 OUTUBRO

Luns, 6 de outubro. NO NOME DO PAI.

Lectura do santo evanxeo segundo san Mateo 21, 33-43
Naquel tempo, dixo Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
«Escoitade outra parábola: Había un propietario que plantou unha viña, a rodeou cunha cerca, cavou nela un lagar, construíu a casa do garda, arrendouNA a uns labradores e marchou de viaxe. Chegado o tempo da vendima, enviou os seus criados aos labradores, para percibir os froitos que lle correspondían. Pero os labradores, agarrando aos criados, mallaron a un, mataron a outro, e a outro apedreárono. Enviou de novo outros criados, máis que a primeira vez, e fixeron con eles o mesmo. Por último mandounos ao seu fillo, dicíndose: "Terán respecto ao meu fillo. "Pero os labradores, ao ver o fillo, dixéronse: "Este é o herdeiro: vide, matámolo e quedamos coa súa herdanza". E, agarrándoo, empurrárono fóra da viña e matárono. E agora, cando volva o dono da viña, que fará con aqueles labradores?» Contestaron:- «Fará morrer de mala morte eses malvados e arrendará a viña a outros labradores, que lle entreguen os froitos ao seu tempo.»
E Xesús dilles:
«Non lestes nunca na Escritura: "A pedra que desbotaron os arquitectos é agora a pedra angular. É o Señor quen o fixo, foi un milagre patente"?
Por iso dígovos que se vos quitará a vós o reino de Deus e se dará a un pobo que produza os seus froitos.»
Palabra do Señor         
REFLEXIÓN
            A parábola dos “viñateiros homicidas” é un relato no que Xesús vai descubrindo a historia de Deus co seu pobo elixido. É unha historia triste.
            Aquel pobo foi rexeitando e matando un tras outro os profetas que Deus lles ía enviando para recoller os froitos dunha vida máis xusta. Por último, nun xesto incrible de amor, enviolles o seu propio Fillo. Pero os dirixentes daquel pobo terminaron con el. Que pode facer Deus cun pobo que defrauda de maneira tan cega e obstinada as súas expectativas?

A parábola está falando tamén de nós: Estamos producindo nos nosos tempos “os froitos” que Deus espera do seu pobo: xustiza para os excluídos, solidariedade, compaixón cara ao que sofre, perdón...?
             
            Nós falamos de “crise relixiosa”, “descristianización”, “abandono da práctica relixiosa”... Non estará Deus preparando o camiño que faga posible o nacemento dunha Igrexa máis fiel ao proxecto do Reino de Deus? Non é necesaria esta crise para que naza unha Igrexa máis evanxélica, máis entregada a facer un mundo máis humano? Non virán novas xeracións máis fieis a Deus?



MARTES, 7 de outubro. NO NOME DO PAI....

Contigo soñamos un futuro máis digno

A escalada nas cifras do paro en España enche os titulares desde o comezo da crise, pero a moitos lles chocan as diferenzas entre uns números e outros: Por que se di un día que xa hai máis de seis millóns de parados en España e, apenas unhas semanas despois, destácase que o número de parados baixou de cinco millóns?

A diferenza está na estatística que se consulta: un dato procede da Enquisa de Poboación Activa  - coñecida como EPA- e o outro do paro rexistrado nas oficinas públicas de emprego, o que se coñecía antes como “as listas do INEM”.

A natureza de cada unha desas estatísticas é distinta e tamén se elaboran de forma diferente. 

Desta forma, os colectivos que miden cada estatística son distintos porque a EPA pretende recoller a todas as persoas desocupadas que buscan emprego, mentres que o paro rexistrado reflicte só aos que se inscriben nas oficinas públicas de emprego.

Cando non traballas dise que estás en paro e se dura moito tempo empezan a aparecer problemas. Necesitamos o traballo para vivir. Hoxe en día o peor é o paro xuvenil, os estudantes saen dos institutos ou universidades e non lles é fácil atopar traballo.

Para que a nós non nos pase o mesmo ocórrenseme dúas cousas que podemos facer:
1- Buscar que é o que nos gusta facer: música, fútbol, mecánica, animais, ... hai millóns de cousas para elixir.
2- Estudar moito, moito, moito sobre ese tema e non só se estuda no colexio. Se realmente nos gusta algo debemos interesarnos por iso e relacionalo con todo o que nos rodea: internet, empresas locais, bibliotecas...se realmente nos gusta non nos custará ningún esforzo nin aparecerá nada de “estrés”.

Hai moita xente nesta situación do paro, estas persoas nos necesitan como amigos, fillos, sobriños…ao seu carón. Animalos e confiar neles porque só así sairemos desta situación, XUNTOS, UNIDOS.

Pregamos por eles. NOSOPAI



MÉRCORES, 8 de outubro. NO NOME DO PAI...

Texto bíblico. (Sab 9,1-6.10-11)
«Deus dos meus pais, Señor de misericordia, que todo o creaches coa túa palabra e formaches ao ser humano sabiamente para que dominase todas as túas criaturas, gobernase o mundo con xustiza e santidade e administrase xustiza rectamente: dáme a Sabedoría que reina onda ti, non me negues un posto entre os teus. Porque son servo teu, fillo da túa serva, home débil e efémero, incapaz de entender o dereito e a lei; por máis cumprida que sexa unha persoa, se lle falta  a túa Sabedoría, non valerá nada. Envíaa desde o ceo sagrado, mándaa desde o teu trono glorioso, para que estea ao meu lado e traballe comigo, ensinándome o que che agrada. Ela, que todo o sabe  e todo o comprende,   guiarame prudentemente nas miñas empresas e custodiarame co seu prestixio» .

Traballo en grupo – aprendizaxe cooperativa

- Que ben, traballo en grupo!
- Jo!, outra vez traballar en grupo.
Son expresións que podemos escoitar. Saber traballar en grupo é moi positivo. Hoxe chamámolo “aprendizaxe cooperativa”.
Pero isto implica cambiar o chip da escola. O profe non é a enciclopedia que o sabe todo nin o alumno a gravadora que repite o que di o profesor.
Imaxinádevos a seguinte frase:
“O profesor xa non me explica a lección en clase, téñoa que estudar na casa”. Resulta difícil pensalo, pero, con todo, esa é a finalidade.

A aprendizaxe neste enfoque depende do intercambio de información entre os estudantes, os cales están motivados tanto para lograr a súa propia aprendizaxe como para acrecentar os logros dos demais.
Trabállase a responsabilidade persoal, cada un ten unha tarefa que facer; aprendemos con outros; as habilidades sociais, xa que interactuamos entre os membros do grupo. Os roles que cada persoa vaia exercendo no equipo (líder, organizador, animador, o “pasota”, etc.), a súa aceptación ou non por parte do resto de compañeiros, a xestión que fagan dos posibles conflitos que xurdan, o ambiente xeral que existe no mesmo,... son temas que os alumnos e profesores teñen que aprender a manexar. E a capacidade de autoavaliarse, xa que aos alumnos se lles dá oportunidade de avlaiar o proceso de aprendizaxe que seguiu o seu grupo.
A misión do profe, non é tanto ensinar, senón acompañarvos na vosa aprendizaxe, nese camiño para conseguir o obxectivo das vosas investigacións. Non é ensinar, senón motivarvos a buscar polos vosos medios a solución. Non é ensinar, senón axudarvos a ser críticos, a discernir o que mellor convén en cada momento e saber valorarvos.

Como vedes, non se trata de memorizar datos, senón de ser “capaz”, de “ser competentes” para o día de mañá.
E ti, que prefires?, memorizar para o exame ou aprender en grupo? Sé sabio.
NOSOPAI




XOVES, 9 de outubro. NO NOME DO PAI...

BO DÍA. Gustaríame hoxe  presentarvos a unha persoa valente que na súa mocidade se afiliou ao Partido Obreiro de Unificación Marxista (POUM) e aos 16 anos foi chamado a filas, durante a Guerra Civil Española. Participou na batalla do Ebro (1938), estivo nun campo de concentración, ...  gañou o Premio Príncipe de Asturias á Concordia en 1998 e obtivo moitos recoñecementos de distintos organismos e países. Non sabedes quen é aínda?

Chámase Vicente Ferrer, e non é “San”. Vicente Ferrer Moncho naceu en Barcelona, 9 de abril de 1920 e morreu en Anantapur (India), aos 89 anos, o 19 de xuño de 2009. Non renunciou ao seu ideal de erradicar a pobreza extrema e construír un mundo máis xusto para os máis desfavorecidos.
De mozo pertenceu aos Xesuítas coa ilusión de desenvolver a súa vocación: a de axudar aos demais. En 1952, chega a Mumbai como misioneiro xesuíta para completar a súa formación espiritual, e alí mantén o seu primeiro contacto coa India. A partires de entón, dedicará a súa vida a traballar para erradicar o sufrimento das persoas máis pobres dese país.
Lamentablemente, o seu labor xera moitas suspicacias entre os sectores dirixentes, que ven nel unha ameaza aos seus intereses e conseguen unha orde para expulsalo do país. Volve ao cabo de tres meses e chega a unha das zonas máis pobres e áridas da rexión. Alí retoma a súa loita por axudar ás persoas máis desfavorecidas, e en 1970 deixa aos Xesuítas e crea a Fundación Vicente Ferrer, xunto á súa futura esposa Anne Perry.

Deixamos algunhas citas súas:
*   Se queres ser rico dá!; se queres ser pobre, non deas nada a ninguén.
*   Os sufrimentos e as alegrías dos outros tamén son os nosos.
*    A pobreza destrúe á humanidade.
*    Todos somos responsables da humanidade que sofre.

ORACIÓN.
Señor Xesús, revélaste nos pequenos;
maniféstaste para que eu descubra o teu rostro
nas xentes humildes, nas marxinadas, nas desprezadas.
Señor Xesús, dáme un corazón sinxelo e humilde,
para que me achegue a ti e aos teus predilectos, os pobres,
e neles te recoñeza crucificado hoxe.
Xesús, aquí estou contigo,
unido aos homes e mulleres que sofren desde o silencio.
Estou aquí, Xesús, e no meu corazón quero facerte presente
a todas as xentes que o dolor, a miseria, a fame, …
ten crucificadas.
Pódese ver un anaco da película sobre Vicente Ferrer. Os créditos iniciais (ata o minuto 4,10)
http://www.fundacionvicenteferrertv.org/2014/01/pelicula-vicente-ferrer/
Tes información na web: www.fundacionvicenteferrer.org

AVE MARÍA

VENRES 10 OUTUBRO. NO NOME DO PAI.

O noso colexio quere ser escola e tamén quere ser un lugar de Evanxeo. Ou o que é o mesmo, un lugar onde vivir os valores de Xesús de Nazaret. Un lugar onde nos convertamos en boa noticia para os demais. Un lugar onde atoparse con Deus na vida de cada día. Moitos de vós non considerades importante isto de encontrarse con Deus. Sóavos a conto, a parvada... Pero non podedes negar que o sentido da vida é unha cuestión que ás veces nos preocupa. Moito máis e moitas máis veces que as notas ou os estudos.
Este colexio quixera ser unha axuda para atopar un sentido. Sentido en Deus, sentido auténtico. Un sentido da vida que te poida soster nos momentos duros, ou axudarche nas decisións difíciles. San Vicente só puido encontralo en Deus, e iso é o que quixo ofrecer a todos os necesitados...

EVANXEO - Mt 5, 13-16
Vós sodes o sal da terra. Se o sal se volve insípido, con que se lle devolverá o seu sabor? Só serve para tiralo e que o pise a xente. Vós sodes a luz do mundo. Non pode ocultarse unha cidade construída sobre un monte. Non se acende un candil para tapalo cun celemín, senón que se pon no candeeiro para que ilumine a todos na casa. Brille igualmente a vosa luz ante os homes, de modo que ao ver as vosas boas obras, glorifiquen o voso Pai do ceo. PALABRA DE DEUS

ORACIÓN
Grazas, Señor, por poñer a miña vida nas miñas mans. Axúdame a elixir o correcto. Axúdame a identificar o camiño que me leve a descubrir a felicidade que ti me regalas e a percorrer o camiño que me leve a servir aos máis necesitados. Axúdame a ser sal e luz para os demais. Amén




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog