LUNS 20 ABRIL 2015
“No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” Amén
Porque é posible cambiar as cousas e non estancarse no mesmo de sempre, Pascua quere ser unha invitación a non esquecer esta grande mensaxe. Vexamos as cousas con ollos novos! Deixemos atrás as nosas tristuras! Poñámonos a andar! Non teñamos medo. Coma os de Emaús, que tamén nós o poidamos recoñecer ao partir o pan.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, os discípulos de Xesús que volveron de Emaús contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.
Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles:
‑ A paz sexa convosco!
Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. Pero el díxolles:
‑ Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.
E dicindo isto, mostroulles as mans e mais os pés. Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:
‑ Tedes por aí algo que comer?
Déronlle un anaco de peixe asado. El colleuno e comeuno diante deles. Logo díxolles:
‑ A isto referíame eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.
E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. E engadiu:
‑ Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
ORACIÓN: MIRADA DE ESPERANZA
Porque Cristo resucitou,
cremos na vida, para sempre.
Porque Cristo resucitou,
non cremos en morte ningunha para quen queira vivir.
Porque Cristo resucitou,
cremos nel.
Porque Cristo resucitou,
a forza do presente é o futuro.
Porque Cristo resucitou,
o mundo está en marcha
e non o pararán os intereses dos vencedores.
Porque Cristo resucitou
temos que construír unha cidade sen clases,
na que as persoas sexamos compañeiras e irmás.
Porque Cristo resucitou,
hai un amor e unha casa para todos.
Porque Cristo resucitou,
cremos nunha terra nova.
...E, porque cremos e esperamos,
non temos nada que conservar;
e afirmamos que o mellor xeito de conseguilo todo
é perdelo todo por unha soa causa.
MARTES 21 ABRIL 2015
“No nome do Pai e do
Fillo e do Espírito Santo” Amén
A amizade e a
inocencia
Lectura do Evanxeo
segundo San Xoán: (Jn., 3, 16)
Si, Deus amou tanto ao mundo, que entregou ao seu Fillo
único para que todo o que cre nel non morra, senón que teña Vida eterna.
Esta semana as oracións teñen un carácter especial. Imos
celebrar o Día Internacional do Libro, o 23 de abril, por ser considerado
(erroneamente) a data do falecemento de Cervantes e Shakespeare.
Durante estes días, imos tomar como base unha obra
relevante e descubrir que se esconde entre as súas páxinas. Pero sobre todo,
imos ter a ocasión de falar de libros, de gozar deles.
“Suponse que ti e
eu non debemos ser amigos...”
Un libro que nos fai pensar na inocencia, o amor, a
amizade é O neno co pixama de raias.
Un neno é arrancado da súa cidade, da súa casa, do seu
pequeno mundo que xa coñece e é levado lonxe. Encontra un amigo, alguén que se
supón que non debe ser amigo seu...
Por que a película pasou sen pena nin gloria e o libro
foi un éxito abafador? Porque cando ves unha película che contan o que pasa, e
cando les un libro, ademais, accedes aos pensamentos dos protagonistas, aos
seus sentimentos, ás súas intencións... e esta é unha novela que apela ás
emocións.
Cando les este libro sénteste desconcertado. O mundo
vólvese á vez sinxelo e terriblemente complexo. A historia en si mesma é triste
pero optimista. Anímate a ler o libro!
Rezamos xuntos un NOSOPAI prestando especial atención á frase "VEÑA A NÓS o TEU REINO", sabendo que que ese Reino veña tamén é cousa nosa.
MÉRCORES 22 ABRIL 2015
“No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” Amén
¨A palabra é o máis belo que se creou. A palabra é o que nos salva¨
Imos destacar o día de hoxe o libro Olvidado rey Gudú ; é unha novela de Ana María Matute publicada en 1996. A súa autora sinalouno como o seu libro favorito de entre as súas obras, e cualificouno como un «clásico de culto». A novela ten unha ambientación medieval con elementos da literatura fantástica, libro de cabalaría e conto de fadas. Foi caracterizado como unha alegoría antibelicista, aínda que outros críticos lle dan un carácter universal, unha «obra sobre o tempo e as súas criaturas» onde a historia que se narra é «a historia das emocións humanas»
Imos ver a recreación dun pequeno conto da autora. Con que poucas palabras nos fai pensar, transmítenos ideas que non di, lévanos a outro mundo! (pódese parar no min. 2)
Pidamos a Deus por todos os nenos que non teñen a posibilidade de soñar con outros mundos, outros amigos, outra realidade.
Lectura do evanxeo segundo san Mateo 19, 16-21
"Sucedeu que un home se achegou a Xesús e
preguntoulle:
- Mestre, que de bo teño que facer para obter a vida
eterna?
- Por que me preguntas sobre o que é bo? respondeu Xesús.
Soamente hai un que é bo. Se queres entrar na vida, obedece os mandamentos.
- Cales? preguntou o home.
Contestou Xesús: - Non mates, non cometas adulterio, non
roubes, non presentes falso testemuño, honra ao teu pai e á túa nai", e
"ama os demais como a ti mesmo".
- Todos eses cumprinos, dixo o mozo. Que máis me falta?
- Se queres ser perfecto, anda, vende o que tes e dállo
aos pobres, e terás tesouro no ceo. Logo ven e sígueme. "
XOVES 23 ABRIL 2015
“No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” Amén
Os clásicos
As cousas importantes da vida vense cos ollos do corazón.
O Principiño é un conto poético. Nel, un piloto encóntrase perdido no deserto do Sahara logo do que o seu avión sufrise unha avaría; pero, para a súa sorpresa, é alí onde coñece un pequeno príncipe proveniente doutro planeta. A historia ten unha temática filosófica, onde se inclúen críticas sociais dirixidas á «estrañeza» coa que os adultos ven as cousas. Estas críticas ás cousas «importantes» e ao mundo dos adultos van aparecendo no libro ao longo da narración.
A pesar de que é considerado un libro infantil pola forma na que se encontra escrito, tamén posúe observacións profundas sobre a vida e a natureza humana. Lemos algunhas das súas reflexións:
1. Só se ve ben co corazón, o esencial é invisible aos ollos
2. Pero se ti me domesticas, entón teremos necesidade o un do outro. Para min, ti serás único no mundo. Para ti, eu serei único no mundo...
3. Todas as persoas maiores foron ao principio nenos. (Aínda que poucas delas o recordan)
4. Pregúntome se as estrelas se iluminan co fin de que algún día, cada un poida encontrar a súa
5. Camiñando en liña recta non pode chegar un moi lonxe
6. As persoas maiores nunca son capaces de comprender as cousas por si mesmas, e é moi aburrido para os nenos ter que darlles unha e outra vez explicacións
7. Non se debe nunca escoitar ás flores. Só se lles debe contemplar e ulir. A miña perfumaba o meu planeta, pero eu non era capaz de alegrarme diso
8. Unicamente os nenos saben o que buscan. Perden o tempo cunha boneca de trapo que vén a ser o máis importante para eles e se llela quitan, choran...
9. E de que che serve posuír as estrelas? -Sérveme para ser rico. -E de que che serve ser rico? -Sérveme para comprar máis estrelas
10. Os homes ocupan moi pouco lugar sobre a Terra... As persoas maiores non os crerán, seguramente, pois sempre se imaxinan que ocupan moito sitio
Oxalá algún día aprendamos a ver co corazón. Recemos todos xuntos un NOSOPAI.
VENRES 24 ABRIL 2015
“No nome do Pai e do
Fillo e do Espírito Santo” Amén
O amor
Onte soñei que vía a Deus e que a Deus falaba, despois soñei que me oía, despois soñei que soñaba.
Coñecedes Campos de Castilla de Antonio Machado. É todo un clásico da lingua española: trátase dun libro de poesía, e é xusto que, polo menos un día, nos deteñamos na poesía, tratemos de comprendela, deámoslle unha oportunidade.
Neste libro de poemas, que hai pouco cumpriu un século de vida, Machado destila a dor pola perda da súa amada Leonor. Trátase dun Machado íntimo, con voz propia, que che fala ao oído. Deseguida esqueces que estás a ler poesía e saboreas as palabras.
Nos seus versos debúxanse os campos de Castela, percíbese como un olor doce o amor por España, por unha España ferida pero eterna. Non en van, Machado recibe o froito da xeración do 98.
Palabra de Deus
Lectura do Evanxeo segundo san Xoán 1, 35 e ss
"Ao día seguinte, Xoán encontrábase de novo alí con dous dos seus discípulos. Fixándose en Xesús que pasaba, di: "Velaí o Cordeiro de Deus". Os dous discípulos oírono falar así e seguiron a Xesús. Xesús volveuse e, ao ver que o seguían, dilles: " Que buscades? Eles respondéronlle: "Rabbí -que quere dicir Mestre- onde vives? " Respondeulles. "Vide e verédelo". Foron, pois, viron onde vivía e quedaron con El aquel día"
Palabra de Deus.
A diferenza entre unha parte e outra da lectura está nesa pregunta a quen ou que buscades? Como estamos a vivir nós?
María, a nosa Nai e a súa, estivo aí, viviuno e acompañouno nesa forma de vida. Que nos axude tamén na nosa vida.
AVE MARÍA
No hay comentarios:
Publicar un comentario