viernes, 24 de abril de 2015

4ª SEMANA PASCUA - CICLO B (27-30 ABRIL)

LUNS 27 ABRIL 2015
“No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” Amén

Estamos en tempo pascual. Isto quere dicir tempo litúrxico de alegría, de resurrección, de felicidade.
A felicidade, por moi persoal que sexa, non é un asunto individual, senón comunitario, social, compartido. Non se pode ser feliz pechándose un en si mesmo. Para ser feliz hai que saírse do propio “eu”, do propio egoísmo, e dedicarse a facer ben ós demais, a cantos poden precisar da axuda ou das atencións que un lles podería proporcionar.
            “Calquera que ame e se sente amado é feliz”.
     
            O evanxeo de hoxe é un verdadeiro canto ao amor, entrega total e absoluta aos homes . Xesús indica acerca de si mesmo: “Eu son o bo pastor”. Trátase dun pastor que arrisca a súa vida, se é necesario, por salvar a vida das súas ovellas. Porque as quere, porque as coñece polo seu nome, porque sabe cómo é cada unha delas e porque está moi ó tanto dos coidados que precisan.
            O tempo pascual é un tempo para “soñar”. 
            ¿Quen podería soñar que ese home Xesús que morre entre dous ladróns se ía converter, resucitado, na clave de toda a historia humana? Pois a nosa fe pascual apréndenos e ínstanos a confesar que si, que ese non é un soño, senón a feliz realidade que Deus mesmo fixo para nós. Podemos por iso dicir con alegría: Aleluia!!

Lemos o evanxeo de Xoán 10,11-18
Naquel tempo, dixo Xesús aos fariseos:
-  Eu son o bo Pastor. O bo Pastor dá a vida polas ovellas; o asalariado, que non é pastor nin dono das ovellas, ve vir ao lobo, abandona as ovellas e foxe; e o lobo fai estrago e as dispersa; e é que a un asalariado non lle importan as ovellas.
      Eu son o bo Pastor, que coñezo ás miñas e as miñas coñécenme, igual que o Pai me coñece e eu coñezo ao Pai; eu dou a miña vida polas ovellas.



MARTES 28 ABRIL 2015
“No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” Amén
Durante esta semana, encamiñámonos xa de cheo ao mes de María, imos dirixir a nosa mirada a unha persoa amante de María que foi capaz de facernos amala máis e que deixou sucos ben profundos na historia da Igrexa do Século XX: é Xoán Paulo II; a súa vida foi entregada para que nós tivésemos vida. Sen dúbida, Xoán Paulo II, marcou un fito na historia dos pontificados da Igrexa, pero especialmente no final do século XX e principios do século XXI. Un dos acontecementos importantes que instaurou foron as Xornadas Mundiais da Xuventude, momentos moi especiais para afondar a fe e o encontro con outros cristiáns do mundo.

Destacamos da súa figura saber estar nos medios de comunicación para poder ofrecer ao mundo un novo rostro de Igrexa, máis próxima e comprometida cos pobres e desfavorecidos deste mundo.

REFLEXIÓN: Que suscita en ti esta persoa? Pensas que paga a pena vivir a vida así, para os demais? A vida de Xoán Paulo II foi un regalo para todos os que o trataron. Foi unha persoa coherente ata o final, querida e admirada por todos, e non precisamente por ser un adulador, senón por defender a verdade de Deus e a verdade de todo ser humano.

Poñemos o día en mans de María. AVE MARÍA



MÉRCORES 29 ABRIL 2015
“No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” Amén
Hoxe imos ler un pequeno testemuño real dun rapaz zairés que nos conta como foi a súa vida e como é agora.

Chámome André YUMBA, teño 16 anos e agora vivo en Madrid. Antes vivía nun poboado do Zaire, que é un lugar marabilloso. Aínda recordo cando chegaba o tempo da colleita e traballaba nos campos de millo xunto ao meu pai e os meus irmáns dende que saía o sol ata o atardecer. Alí xuntabámonos a traballar todo o pobo, e xuntos cantabamos uns belos cantos que nos axudaban na tarefa, pois apoiaban co seu ritmo os xestos que repetiamos unha e outra vez para recoller o millo. Eu sentíame feliz coa miña xente e nos meus campos. No pobo quedaban as mulleres moendo o millo, facendo cestos e mantas. Pola tarde reuniámonos para falar e divertirnos, e os anciáns contábannos as vidas e feitos dos nosos antepasados, valentes guerreiros, para que non os esquecésemos. Todos estabamos orgullosos de pertencer á tribo. Pero nos últimos anos a seca rematou coas nosas colleitas, os soldados chegaron ata o poboado e levaron as nosas galiñas e as nosas vacas, e non nos quedou nada. Outros mozos coma min sabiamos que había moitas oportunidades en Europa. Así que nos decidimos a emigrar para traballar uns anos e despois volver e axudar as nosas familias.

A viaxe foi horrible, e tiven que pedir diñeiro prestado a unhas persoas que se dedican a organizar esas viaxes. Agora téñollo que devolver cuns grandes intereses. Agora vivo nun suburbio de Madrid, nun cuarto alugado xunto con outros catro compatriotas. O aluguer é caro. Non temos nin sequera baño. Traballo sen contrato, todo o día arranxando os xardíns das casas de xente que ten moito diñeiro. Ando sempre escondéndome da policía porque, como son negro, sempre me queren pedir uns papeis que non teño e que non sei como conseguir. Non me queda tempo para nada e a vida é tan cara que non podo axudar a miña familia nin aforrar.

A xente aquí míranos por enriba do ombreiro e algúns mesmo nos insultan e chámannos "negros de merda". Xa non canto nin vexo atardecer nos meus campos de millo. Nada é como eu imaxinaba.
Aquí a vida parece triste e non paga a pena. Eu quixera aprender o español, ter un contrato que me permita ir ao médico cando me poño enfermo e, sobre todo, ter amigos que me queiran.

Reflexión: A violencia é a realidade diaria para millóns de seres humanos e está presente en todo o mundo. Violencia como maltrato a mulleres, explotación laboral, abuso de menores, lei para estranxeiros, torturas, cárceres, guerras... Ademais das guerras declaradas, hai outras violencias silenciosas que causan máis mortes: a fame, a enfermidade, a exclusión.

A cooperación é un acto de xustiza...e por iso mesmo, todas os países do primeiro mundo poden, e deberían ser denunciados internacionalmente, por permitir que aínda media humanidade morra pola fame e outra serie de atrocidades, que nós realizamos e toleramos.
Hoxe tes ocasión para facer xustiza: aproveita o tempo e os recursos de que dispós para a túa propia formación.
Tamén podes participar nalgún concurso que promova a xustiza: http://www.manosunidas.org/sites/default/files/bases_premios_relatos_2015.pdf
http://www.manosunidas.org/sites/default/files/bases_premios_carteles_2015.pdf

Ademais, se no colexio non empezamos a facer actos concretos de solidariedade cos nosos propios compañeiros, a nosa vida converterase nunha guerra constante. Sen o apoio dos nosos amigos, sen o apoio dos nosos pais e profesores, sen o apoio de todos os que nos queren, non seriamos nada na vida.
Se nos empeñamos, ao final seguro que todos o conseguimos.



XOVES 30 ABRIL 2015
“No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” Amén

Celebramos este ano o V Centenario da morte de Santa Teresa de Xesús, tamén chamada Santa Teresa de Ávila, cidade na que naceu alá por 1515. Doutora da Igrexa. Reformadora do Carmelo, Nai das Carmelitas Descalzas e dos Carmelitas Descalzos; "mater spiritualium" (título debaixo da súa estatua na basílica vaticana); patroa dos escritores católicos e Doutora da Igrexa (1970): A primeira muller que, xunto a Santa Catalina de Siena, recibe este título. É importante que recordemos esta figura da Igrexa no cincocentos aniversario do seu nacemento. Con esta santa internámonos de cheo no mes de María.

Lectura Bíblica: Lectura do Libro dos Salmos 33
«Gustade e vede, que bo é o Señor;
ditoso o home que confía nel.
Bendizo o Señor en todo momento,
a súa loanza está sempre na miña boca;
a miña alma se gloría no Señor:
que os humildes o escoiten e se alegren".

Reflexión - Texto
Teresa observara que o horto, contiguo á casa paterna, daba flores e verduras cando se regaba. E, se non había auga, secaba. Fixouse noutro detalle. Unhas veces, o seu pai regábao, botando ao pozo un caldeiro atado a unha soga, do que tiraba a peso e logo baleiraba nos sucos. Outras veces sacábaa cunha nora, e por unha canle chegaba a auga aos sucos. Outras, conducindo a auga dende un regueiro próximo. E, outras veces, o horto regábase coa chuvia. Cando a ela lle tocou regar o horto, soubo que había diferenza en regalo dun xeito ou doutro. Identificou cada un deles, como as distintas etapas dentro do camiño da oración. Un horto esténdese como terra seca, que ten sede. A nosa alma tamén a ten. Que forma de regar supón máis esforzo e implica tesón? Que implica o uso da nora? (Cando se ama e persevera, o traballo é máis levadeiro). Pecha os teus ollos e abre a túa mente… Viches a auga que trae a corrente do regueiro? (A auga pode vir doutros sitios coa forza da corrente, coa luz de Deus, sen esquecer o noso esforzo). Pechar a porta é deixar o horto sen regar. Se te empeñas terás a experiencia da chuvia…






No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog