viernes, 9 de octubre de 2015

SEMANA DO DOMUND (13-16 OUTUBRO)

MARTES 13 OUTUBRO 2015. NO NOME DO PAI…..

Grazas polos misioneiros
Grazas, Pai, polos misioneiros e misioneiras que se foron lonxe enviados por Ti. Porque eles non dan ouro nin prata, senón as súas vidas: danse a si mesmos e dan, simple e sinxelamente, testemuño de ti. Grazas, porque para os poderosos deste mundo, entregan a súa vida a cambio de nada, case sempre no anonimato dos elixidos pola túa Palabra.

Grazas por estes homes e mulleres, seguidores do teu Fillo, cheos de valor na súa sinxeleza. Eles non aceptarían que lles chamásemos heroes e rexeitarían estrañados, e seguramente ofendidos, semellante denominación porque queren ser fieis á parábola do teu Fillo Xesús: aquilo dos traballadores que, ao final dunha extenuante xornada, din con naturalidade: «servos inútiles somos».

Grazas, Pai, porque son moitos os misioneiros e misioneiras que din con sinceridade que son felices e que non se cambiarían por nada nin por ninguén. Axúdalles no seu traballo, case sempre entre os pobres máis pobres. Axúdalles a ofrecer cada día con xenerosidade aos pobres da terra a Palabra do teu Fillo: anuncio de vida, de esperanza, de liberación, de salvación. E axúdanos a nós a ser misioneiros na nosa sociedade, rica e opulenta, onde é difícil crer en ti, anunciar a túa mensaxe, seguir a túa chamada.

E, finalmente, grazas polo teu Fillo Xesús, o primeiro misioneiro, que nos ensinou a todos o camiño da fidelidade á túa Palabra: camiño de entrega e xenerosidade, camiño de amor e misericordia, camiño de vida boa e bela de verdade.

A caridade de Cristo úrxenos

Señor,
Ensínanos a non amarnos a nós mesmos,
a non amar soamente aos nosos amigos,
a non amar só a aqueles que nos aman.

Ensínanos a pensar nos outros
e a amar, sobre todo,
a quen ninguén ama.

Concédenos a graza de comprender que,
mentres vivimos unha vida demasiado feliz,
hai millóns de seres humanos,
que son tamén fillos teus
e irmáns nosos,
que morren de fame,
sen merecer morrer de fame;
que morren de frío,
sen merecer morrer de frío;
que morren sen merecer morrer.

Señor, ten piedade de todos os pobres do mundo;
e non permitas
que nós vivamos felices sen compartir os nosos bens,
sen entregar as nosas vidas,
sen loitar por un mundo onde sexa posible o amor.

Fainos sentir a necesidade
de traballar por un mundo máis xusto,
líbranos do noso egoísmo,
concédenos a graza da xenerosidade. AMÉN



MÉRCORES 14 OUTUBRO 2015. NO NOME DO PAI…..

OLLOS ABERTOS
Vivimos con cara de tristeza. Non coa de vinagre, pero si coa de tristeza. Por que nos pasa isto se o temos todo: casa, coche, médicos, profes...? Estamos rodeados de xente, a televisión está permanentemente emitindo, as emisoras de radio no deixan de sonar, os teléfonos seica son intelixentes, os ordenadores persoais... por que entón ese corazón tan reseco e esa cara marcada polas engurras da tristeza? Non será que a nosa confianza seguimos a poñela no ter, no posuír, no gardar, no cobizar, e non no ser: ser persoa, ser amig@, ser feliz, ser bo marido, boa muller, bo fillo,...? Que mellor momento ca este para, no silencio da oración que agora facemos, preguntarnos por que tendo tan claros os horizontes aos que nos invita Xesús, facemos o posible por darlle as costas?

ORACIÓN: Os homes e as mulleres de hoxe espérannos

Espírito Santo, ven
e axúdanos a construír, con fidelidade,
os nosos desexos.
Os homes e mulleres de hoxe necesitan
os nosos soños.
Queremos un mundo
onde traballar sexa un gozo,
e non só unha obrigación;
onde para respirar non necesitemos máscaras
onde podamos sorrir.
Queremos un mundo sen tensións,
onde a guerra non sexa a última palabra,
onde a vida non sexa maltratada,
onde os nenos poidan xogar, rir, correr.
Queremos un mundo máis humano,
onde, para saír adiante,
non teñamos que converternos en máquinas
e onde non nos afoguen as tristezas,
as inseguridades, os medos ao porvir.
Queremos un mundo máis próximo,
onde podamos darnos a man uns a outros,
onde podamos contaxiarnos de esperanza,
onde podamos sentirnos irmáns de verdade
Espírito Santo, fai que resplandeza a túa luz
no noso espírito;
infunde o amor nos nosos corazóns;
sostén a debilidade do noso corpo,
afasta de nós ao inimigo,
apresúrate a darnos a paz,
a fin de que iluminados por Ti,
evitemos todo mal
e poidamos amar con creatividade. AMÉN




XOVES 15 OUTUBRO 2015. NO NOME DO PAI…..

Ás veces penso que non sei rezar

Ás veces penso que non sei rezar. Fáloche, fáloche e Ti gardas silencio. Fáloche e algunhas veces teño a sensación de estar a falar só. Es un Deus silencioso ou, quizais, non aprendín aínda a escoitarte. Es verdadeiramente o Deus da Palabra? Que teño que facer para escoitarte? Porque, sabes, sinto a necesidade de saber quen es, de sentir a túa Palabra, de coñecerte. Que debo facer?

«Entón Xesús chamou a un neno, púxoo no medio e dixo: Asegúrovos que se non volvedes ser como nenos, non entraredes no Reino dos ceos. Por tanto. O que se faga pequeno como este neno, ese é o máis grande no Reino dos Ceos»

Quizais aquí estea a resposta: «Se non volves ser coma un neno» porque só os nenos entenden de sorpresas e xamais caen na rutina. Porque só eles son capaces de seguir aprendendo e non pensan que o saben todo perdendo o mellor de cada día. Porque só eles se levantan con alegría das súas caídas e nunca pensan que a vida non merece a pena ser vivida. Porque só os nenos soñan, cantan, gritan, gozan, xogan… Porque só eles poden sentirse fillos e confiar no Bo Pai Protector. Deixar de ser «demasiado adulto», deixar de ser deses que cren que xa o saben todo, quizais sexa isto todo o necesario para poder escoitar a Palabra de Deus.

"Tiritas"
Un neno, mentres xoga a "ser médico", queda impactado polas consecuencias de sangue e de morte que causou o terremoto en Nepal. Aquela noticia, aparentemente fugaz, provoca nel o desexo de axudar... colaborando na curación destes enfermos.

A secuencia mostra como un neno reacciona ante as necesidades dos demais. Faino á súa maneira, de forma imaxinativai: localiza no mapa do mundo onde está Nepal, abre o seu botiquín e aplica a terapia cunhas "tiritas" para curar as feridas daquelas persoas. É un xesto aparentemente pequeno, insignificante e inútil, pero que mostra a dispoñibilidade de quen quere axudar aos demais



VENRES 15 OUTUBRO 2015. NO NOME DO PAI…..
  
DOMUND 2015: MISIONEIROS DA MISERICORDIA
Chama a atención como a mesma sociedade á que lle custa valorar o labor que realiza a Igrexa aprecia o traballo humanitario e evanxelizador dos misioneiros e misioneiras. A súa entrega, servizo e xenerosidade son o contrapunto do gran pecado da indiferenza. O testemuño das súas vidas e, en ocasións, das súas palabras alcanzou tal recoñecemento social que ata as voces máis críticas enmudecen e outórganlles un "estes son distintos", cando en realidade os misioneiros son Igrexa que vive as esixencias do Evanxeo.

Talvez por iso, o día do DOMUND é recoñecido e querido pola sociedade española. Esta iniciativa xorde no ano 1926, a instancias do papa Pío XI, e desde entón non coñece fronteiras. O penúltimo domingo de outubro é a principal cita misioneira eclesial nos máis de 130 países onde está establecida, entre os que se atopa España.

"Misioneiros da misericordia" é o lema para o DOMUND 2015 que se celebrará o vindeiro domingo. Na imaxe do cartel para a Xornada aparece unha misioneira que acolle e acompaña a outra persoa. Así de sinxelo e así de grande. Ambas as persoas son reais e viven apaixonadamente a forza da caridade. A imaxe non transmite outra cousa máis que amor e misericordia. En definitiva, tenrura. O papa Francisco convida a cada persoa para sacar do seu interior a capacidade de amar que aniña no seu corazón. Para iso, anímanos a descubrir que o Evanxeo é fonte de alegría, de liberación e de salvación para todas as persoas.

Demos grazas a deus hoxe por todos os misioneiros e misioneiras que se atopan en todos os recunchos do mundo axudando de forma calada aos máis necesitados e transmitindo coas súas palabras e as súas vidas a mensaxe de Jesús, unha mensaxe co que nos lembran que temos por encima de todo un Deus que nos ama e que nos indica que o camiño da felicidade é o amor.

ORACIÓN:
Dáme, Señor, como aos misioneiros e misioneiras do mundo,
ás para voar e pés para camiñar ao paso de cada persoa.
Entrega, para "dar a vida" desde a vida, a de cada día.
Infúndenos, Señor, o desexo de darnos e entregarnos,
de deixar a vida no servizo aos débiles.
Señor, fainos construtores da túa vida, propagadores do teu reino.
Axúdanos a poñer a tenda no medio das persoas
para levarlles o tesouro do teu amor que salva.
Amén.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog