sábado, 31 de octubre de 2015

ORACIÓNS SEMANA 3 - 6 NOVEMBRO

MARTES  3 NOVEMBRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

Antonte celebramos a festa de Todos os Santos. Nese día lembramos a todas as persoas de todos os pobos e razas que pasaron e viviron como verdadeiros cristiáns ao longo de toda a súa vida axudando aos demais, compartindo o que tiñan cos demais, superando as diferenzas entre razas e nacións. Eles poden estar satisfeitos ao final da súa vida polo que fixeron. Por iso a Igrexa lémbraos neste día e celebra a súa festa.

Onte lembramos dun modo especial a todas esas persoas que se preocuparon por nós e de que un modo oficial non foron recoñecidas como santas pero que foron santas na súa vida. Entre elas atópanse os seres defuntos dos nosos pobos e familias.

Para os que temos fe o día de  todos os santos quere ser unha homenaxe e un recoñecemento a todas as persoas que teñen sido para nós auténticas e verdadeiras testemuñas de entrega e xenerosidade. Nas súas vidas vemos expresada a posibilidade de facer do proxecto de Xesús unha maneira de ser feliz e de facer felices aos demais. Daquela, é un día para o recoñecemento agradecido do moito que temos aprendido de tantas persoas, na maioría das veces anónimas e sen presenza nin pretensión de aparecer nos programas de televisión de máis audiencia.

Quen pasa facendo o ben non necesita nin ser famoso nin aparecer nos medios de comunicación, senón que o seu paso é calado e entregado a poñer sorriso e corazón quente aos desherdados deste mundo, tan sobrado de tantas cousas, e tan falto de amor e tempo para os demais.
Fagamos memoria agradecida do testemuño de vida de todos os homes e mulleres que sen facer barullo nos deixarona súa entrega xenerosa pola que, inda sen estar no calendario, son para nós exemplos de santidade.

NOSOPAI



MÉRCORES  4 NOVEMBRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

ORACIÓN: MIRADA ESPERANZADA

Axúdanos, Señor, a que os nosos ollos sexan misericordiosos, para que endexamais desconfiemos ou xulguemos segundo as aparencias, senón que busquemos o fermoso na alma do noso próximo e acudamos a axudarlle.

Axúdanos, Señor, a que os nosos oídos sexan misericordiosos, para que teñamos en conta as necesidades do noso próximo e non sexamos indiferentes aos seus sufrimentos e queixas.

Axúdanos, Señor, a que a nosa lingua sexa misericordiosa, para que endexamais falemos negativamente do noso próximo, senón que sempre teñamos unha palabra de consolo e perdón para todas as persoas.

Axúdanos, Señor, a que as nosas mans sexan misericordiosas e estean cheas de boas obras, para que lle saibamos facer ao noso próximo exclusivamente o ben e carguemos sobre nós as tarefas máis difíciles e penosas.

Axúdanos, Señor, para que os nosos pés sexan misericordiosos, vencendo a  propia fatiga e cansazo. O repouso verdadeiro está no servizo ao próximo.

Axúdanos, Señor a que o noso corazón sexa misericordioso, para que sintamos todos os sufrimentos do noso próximo. A ninguén lle negaremos o noso corazón.

Que a túa misericordia, Señor, repouse en nós. AMÉN



XOVES  5 NOVEMBRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

BOTADE A REDE!
Estaban xuntos Simón Pedro, Tomás o xemelgo, os fillos de Zebedeo e outros discípulos. Nisto dixo Pedro: - Vou pescar.
Os outros dixeron: - Imos contigo
Saíron xuntos e subiron a unha barca; pero aquela noite non lograron pescar nada. Ao aclarar o día, presentouse Xesús na beira do lago, pero os discípulos non o recoñeceron (Xn 21, 2-4)

...

Durante o curso dous profesores atopábanse charlando na porta do colexio. Que se as praias estaban sucias, que se o neno se fixo unha escordadura, que vaia colas se forman nos supermercados... O caso é que a conversación se foi alargando ata que un deles, mirando repetidas veces o reloxo, díxolles: - Chegou a hora de poñer “o traxe de faena”, non vos parece? Os demais asentiron e de inmediato empezaron a preparar, coa mesma ilusión do comezo de curso todo o material necesario para que as clases fosen o mellor posible.
Ao pouco tempo chegaron os alumnos e con eles Xesús, pero non o recoñeceron e enseguida empezaron a desilusionarse e acabaron por tirar a toalla.

Xesús díxolles: - Raparigos, Pescastes algo?
Eles contestaron: - Non
El díxolles: - Botade a rede á beira dereita da barca e pescaredes.
Eles botárona, e a rede encheuse de tal cantidade de peixes que non podían movela (Xn 21, 5-6)

Os mesmos educadores, os mesmos mozos, a mesma ilusión e tamén as mesmas dificultades. Unha única diferenza: neste curso temos a posibilidade de recoñecer a Xesús e, ante os medos, a desesperanza, podemos botar a rede de Xesús: a rede da valentía, da creatividade, dos soños, do traballo ben feito, de tentalo as veces que sexa necesario.

Se somos capaces de botar dun modo orixinal estas redes seguro que pescamos algo. De nós, depende!

NOSOPAI


VENRES  6 NOVEMBRO 2015. NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO. AMÉN

No campo de refuxiados hai uns catro mil nenos. Miles de nenos vestidos, ou mellor dito, cubertos con farrapos e todos descalzos, constitúe un espectáculo inimaxinado.
Son moitas cousas novas que se amontoan e moitas as preguntas que lle xorden a un. As respostas non se atopan facilmente.

Como comprender a dor que se esconde neses millóns de refuxiados, que non teñen enriba máis que o recordo dunha terra e unha casa perdida, e a perda tamén de millóns de persoas? Como sanar as feridas do odio e a vinganza despois de vivir tanta violencia e morte? Non o sei. Pero o que si é certo é que a nosa oración é unha luz de esperanza.

PERCIBO QUE SON LUZ

Se durante o día de hoxe tentas ser amable, tratar a cada persoa coma se fose especial, escoitando os problemas da xente, preocupándote por eles sen mostrar nervios nin présa,
decataraste de que a túa presenza no grupo será como unha luz, e sorprenderaste ao comprobar que todos, ata os máis duros, necesitan de ti.
Atréveste a comprobalo?

ORACIÓN
Grazas, Señor, porque ás veces descubro que hai xente
que me aprecia e sente ben ao meu lado.
Gustaríame vivir e transmitir este estilo de vida,
baseado na vida sinxela, o espírito de familia,
o traballo e a autenticidade do amor que fai sentirse ben
e quererse como irmáns. AMÉN



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog