sábado, 5 de noviembre de 2016

ORACIÓNS SEMANA 7-11 NOVEMBRO

Luns 7 novembro: APRENDE A VER CO CORAZÓN


+ NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO


Oín coma un ruído, coma o rumor dun vestido de seda, que viña ao lado do púlpito, á beira do cadro de san Xosé, que viña pousarse sobre os chanzos do altar. Dubidaba de se era a Virxe. Con todo, o neno díxome: "Velaí a Virxe". Seríame imposible dicir o que eu experimentei naquel momento, o que pasou no meu interior, parecíame que non vía á Virxe... Foi daquela cando o neno me falou, non xa coma un neno, senón coma un home, coma o máis forte, coas palabras máis fortes. Entón, mirando á Virxe limiteime a dar un paso de xeonllos sobre os chanzos do altar, apoiando as mans sobre os xeonllos da Virxe...


Ao principio, Santa Catalina non recoñece a María. A quen se lle pode ocorrer que a unha pobre moza se lle apareza a Virxe? Con todo, ela déixase mirar por María e esta convéncea. Catalina aprende que hai que "aprender a ver" e, para iso axúdalle o neno.

Cantas veces nos custa ver aos demais e aos outros tal e como son? Non será que nos deixamos levar polos nosos prexuízos e etiquetas e non damos oportunidade aos demais? Ás veces hai persoas, amigos, os nosos familiares ou profesores que nos axudan a mirar doutra maneira, a ver cos ollos do corazón.

Agradece hoxe a Deus  e, expresa a algunha persoa o teu agradecemento porque che axudou a descubrir que as cousas eran diferentes a como pensabamos.

ORAMOS TODOS XUNTOS NO ANO DA MISERICORDIA:
Señor, axúdanos a ser MISERICORDIOSOS e XUSTOS coma Ti,
a amar  e a perdoar coma Ti nos ensinas. Amén



Martes 8 novembro: ATRÉVETE A ATOPARTE CON OUTROS, ATRÉVETE A ATOPARTE CON MARÍA


+ NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

"Limiteime a dar un paso de xeonllos sobre os chanzos do altar, apoiando as mans sobre os xeonllos da Virxe...
Alí, transcorreu un momento, o máis doce da miña vida; paréceme imposible dicir todo o que experimentei". 

Catalina achégase a María e, nun xesto de confianza, apoia as súas mans nos xeonllos da Virxe. Que ben se sentiría Catalina e que ben nos sentimos cando estamos confiados con alguén que queremos!
Alí estableceu unha conversa íntima e chea de tenrura, deixou as súas reservas para atoparse con María, a pesar, de que parecía imposible. María axúdalle a aclarar os seus problemas, móstralle que a súa vida lle interesa e móstrase con ela como unha amiga, como unha conselleira que a escoita e guía no camiño.

Es capaz de confiar nas persoas coas que compartes a amizade, es capaz de escoitalos? Déixaste aconsellar polos demais? Algunha vez acodes a María?

Nesta mañá, escóitaaa, fálalle de todo o que preocupa ao teu corazón

OH MARÍA SEN PECADO CONCIBIDA, ROGA POR NÓS!




Mércores 9 novembro: ENCÁRGANOS UNHA MISIÓN, MIRA O MUNDO E FAI ALGO POR EL.


+ NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

Deus quéreche encomendar unha misión. Custarache moito traballo, contradiciránche, pero contarás coa graza, non temas. Di todo, con confianza, o que pasa en ti, cóntao con sinxeleza, ten confianza, non temas. Os tempos son malos, as desgrazas cerneranse sobre o teu país, pero achegádevos ao pé deste altar, aquí as grazas serán concedidas particularmente ás persoas que as pidan.

María revela a Santa Catalina que Deus confía nela e pon nas súas mans unha misión concreta dentro da realización do seu Proxecto de amor. Esta misión é difícil, pero nada debe impedir a Catalina cumprila.
Hoxe, coma onte, Xesús confía en nós
Non nos pide grandes cousas... pero a nosa resposta poden ser pequenas pingas que vaian transformando aos poucos a realidade que vivimos...  Como?

- Cando somos capaces de arrincar un sorriso...
- Cando facemos as paces con quen estaba enfadado...
- Cando somos quen de ceder ante os demais...
- Cando non buscamos só as nosas intereses...

Cal vai ser a túa pequena pinga no día de hoxe?
Se non podes só, acode a María, acode ao seu altar; alí as grazas concederánselles a quen as pida.

AVE MARÍA

Pedímoslle a María que nos acude a transformar a nosa realidade:

Xoves 10 novembro: O MUNDO NAS súas MANS, CARA A UNHA TERRA NOVA


+ NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

A Santísima Virxe sostén nas súas mans un globo dourado coroado por unha pequena cruz; sosténdoo de maneira moi sinxela, cos ollos elevados cara ao ceo, ofrécello a Deus... Despois oín: Este globo representa o mundo enteiro e a cada persoa en particular.

O globo coroado cunha pequena cruz evoca o noso mundo, ao que Deus ama cun Amor ata a tolemia, ata o punto de salvalo. A cruz colocada no corazón do mundo lémbranos que a nosa vida é o lugar da presenza de Deus. O mesmo que a túa nai te levou nos seus brazos cando eras neno, María leva a terra nas súas mans, é dicir, do mesmo xeito Ela lévanos nos seus brazos. Hoxe María convídanos a amar o mundo como Ela o  ama e como o seu Fillo o amou, dando a súa vida ata o extremo.

OH MARÍA SEN PECADO CONCIBIDA, ROGA POR NÓS!

(O día 11 de novembro comezamos a construír a medalla en cada clase e cada día iremos introducindo na oración unha mensaxe nova)

Venres 11 novembro: A MEDALLA MILAGROSA


+ NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO

En torno ao marco ovalado, lin, en letras de ouro, esta invocación: "Oh María sen pecado concibida, rogade por nós que recorremos a ti".

Con esta medalla, María preséntanos o esencial da mensaxe cristiá.
A medalla é un agasallo de Deus ao mundo. É un agasallo pequeno e sinxelo que expresa a maneira de actuar de Deus que se goza nos sinxelos e humildes.
É un signo da bondade de Deus. Regálanos a Salvación: "as grazas derrámanse nas súas mans".
É un signo da presenza de María.
É un signo de amor:
É tamén un signo relixioso: non é algo máxico senón un compromiso de vida que nos axuda a cumprir a Vontade de Deus, como o fixo María: "Velaquí a escrava do Señor".

Chamámola Milagrosa porque o pobo de París sentiu que era certa a presenza e a protección de Deus e de María.

Preparámonos para recibir a medalla  a final de mes . Que sorte poder ter ese agasallo! Que sorte ter a protección de María!

(Preparamos na clase o primeiro óvalo da medalla, colocámolo para a partir da semana seguinte ir formándoa e reflexionando sobre o seu significado)

OH MARÍA SEN PECADO CONCIBIDA. ROGA POR NÓS QUE RECORREMOS A ti!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog