jueves, 23 de noviembre de 2017

ORACIÓN DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

INTRODUCIÓN
A violencia contra a muller adopta formas diversas, incluída a violencia no fogar; trata de mulleres e nenas; os asasinatos, a mutilación xenital feminina e outras prácticas e tradicións prexudiciais… Hoxe, no Día Contra a Violencia de Xénero queremos manifestar a nosa repulsa contra calquera tipo de violencia contra as persoas, sexan do sexo que sexa, e queremos rezar por todas as persoas que sofren esta situación
PALABRA DE DEUS: Xénese 1,26-27.31
Dixo Deus: «Fagamos ao home á nosa imaxe e semellanza. Que teña autoridade sobre os peixes do mar e sobre as aves do ceo, sobre os animais do campo, as feras salvaxes e os réptiles que se arrastran polo chan.» E creou Deus ao home á súa imaxe. A imaxe de Deus creouno. Home e muller creounos. Deus viu que todo canto fixera era moi bo.
VOCES DE HOXE:
"A violencia contra a muller é quizais a máis vergoñosa violación dos dereitos humanos. Non coñece límites xeográficos, culturais ou de riquezas. Mentres continúe, non poderemos afirmar que s realmente avanzamos cara á igualdade, o desenvolvemento e a paz." (Kofi Annan, Ex Secretario Xeral das Nacións Unidas)
ORACIÓN:
Grazas, Deus Pai de misericordia, polo amor que nos tes; porque nos creaches á túa imaxe e semellanza como home e muller;  para que, recoñecéndonos diferentes, busquemos complementarnos: o home como apoio da muller e a muller como apoio do home.
Grazas, Pai, pola muller e a súa misión na comunidade humana.
Pedímosche pola muller que é filla: que sexa acollida e amada polos seus pais, tratada con tenrura e delicadeza.
Pedímosche pola muller que é irmá: que sexa respectada e defendida polos seus irmáns.
Pedímosche pola muller que é esposa: que sexa recoñecida, valorada e respectada polo seu esposo, para que vivan ambos a comuñón de corazóns e anceios que se prolongan na fecundidade dunha nova vida humana, participando así na obra máxima da creación: o ser humano.
Pedímosche pola muller que é nai: que recoñeza na maternidade o florecemento da súa feminidade e que goce sempre do amor e o respecto dos fillos.
Pedímosche polas mulleres boas e xenerosas que entregaron a súa vida para darnos a nosa.
Pedímosche polas mulleres que se senten soas, polas que non atopan sentido á súa vida; polas marxinadas e usadas como obxecto de pracer e de consumo; polas que foron maltratadas, violadas e asasinadas.
Pedímosche, Deus de amor, por todos nós, homes e mulleres; para que nos saibamos comprender, valorar e axudar mutuamente, para que nunha relación, amable e positiva, colaboremos xuntos ao servizo da familia, da sociedade e da vida.  AMÉN.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog