LUNS 29 OUTUBRO 2018. NO NOME DO
PAI…
TODOS OS SANTOS
TODOS OS SANTOS
O xoves celebramos a festa de Todos os Santos. Nese día lembramos a todas as persoas de todos os pobos e razas que pasaron e viviron como verdadeiros cristiáns ao longo de toda a súa vida axudando aos demais, compartindo o que tiñan cos demais, superando as diferenzas entre razas e nacións. Eles poden estar satisfeitos ao final da súa vida polo que fixeron. Por iso, a Igrexa lémbraos neste día e celebra a súa festa.
A festividade de todos os Santos é momento de agradecer a vida de tantas e tantas testemuñas, que viviron ao estilo de Xesús e que nos seguen alentando e acompañando.
O Papa Francisco, chámanos á santidade no mundo actual, e indícanos que «a santidade non é senón a caridade plenamente vivida».
Temos que tentar descubrir os santos cotiáns, nas persoas que fan xestos que axudan a facer un mundo un pouquiño mellor e que moitas veces pasan desapercibidos por non aprecialos, valoralos, ...
Di o Papa FRANCISCO na encíclica EXHORTACIÓN APOSTÓLICA GAUDETE ET EXSULTATE
“Para ser santos non é necesario ser bispos, sacerdotes, relixiosas ou relixiosos. Moitas veces temos a tentación de pensar que a santidade está reservada só a quen ten a posibilidade de tomar distancia das ocupacións ordinarias, para dedicar moito tempo á oración. Non é así. Todos estamos chamados a ser santos vivindo con amor e ofrecendo o propio testemuño nas ocupacións de cada día, alí onde cada un se atope. Es consagrada ou consagrado? Sé santo vivindo con alegría a túa entrega. Estás casado? Sé santo amando ao teu marido ou á túa esposa, como Cristo fixo coa Igrexa. Es un traballador? Sé santo cumprindo con honradez e competencia o teu traballo ao servizo dos irmáns. Es pai, avoa ou avó? Sé santo ensinando con paciencia aos nenos para seguir a Xesús. Tes autoridade? Sé santo loitando polo ben común e renunciando aos teus intereses persoais “.
Esta santidade á que o Señor te chama irá crecendo con pequenos xestos. Por exemplo: unha señora vai ao mercado para facer as compras, atopa a unha veciña e comeza a falar, e veñen as críticas. Pero esta muller di no seu interior: «Non, non falarei mal de ninguén». Este é un paso na santidade. Logo, na casa, o seu fillo pídelle conversar sobre as súas fantasías, e aínda que estea cansa senta ao seu lado e escoita con paciencia e afecto. Esa é outra ofrenda que santifica. Logo vive un momento de angustia, pero lembra o amor da Virxe María, toma o rosario e reza con fe. Ese é outro camiño de santidade. Logo vai pola rúa, atopa a un pobre e detense a conversar con el con agarimo. Ese é outro paso.
- Que che pareceu?
- Como podes ser ti Santo/a no contexto da casa, no colexio, cos amigos?
MARTES 30 OUTUBRO 2018. NO NOME DO PAI...
SANTOS DOS NOSOS DÍAS
Hai santos de hoxe? Entre nós? Ou é algo do pasado? Podemos falar de moitas celebridades recentes na historia que foron recoñecidos como santos: Teresa de Calcuta, Xoán XXIII, Xoán Paulo II … E tamén santos vicencianos, Vicente de Paúl, Luisa de Marillac, Gabriel Perboyre, Catalina Labouré….
Pero non é necesario irnos ao pasado para descubrir persoas santas. Hoxe hai moitas persoas a nosos arredor que están a percorrer o camiño cara á santidade. Sen chamar a atención. Hai moita xente boa que vive para facer o ben aos demais!
Son persoas reais como a veciña, que dedica unha hora cada tarde aos rapaces que non teñen un lugar na casa para facer os deberes, ou eses amigos que colaboran co programa de Cáritas para axudar a aqueles sen fogar do barrio, ou tantos outros.... Non cres que podemos consideralos santos?
Todos estamos chamados a ser santos. O importante é escoitar a chamada que che fai Deus e dar unha resposta.
A santidade consiste en intentar estar sempre alegre, sendo feliz en cada momento da nosa vida: estudando, xogando, colaborando na casa, axudando á xente que ten máis dificultades, respectando, perdonando,… Nisto consiste en chegar a ser santo e polo tanto, totalmente feliz.
Pensa nun momento no que acabamos de ler. Seguro que hai un modo de ser santo que se adapta á túa situación persoal.
A santidade non é un privilexio para algúns, senón unha obriga para todos, para ti e para min. (Santa Madre Teresa de Calcuta)
ORACIÓN:
Señor;
Unha palabra só: grazas!
Moitas grazas por ti,
porque este mundo doe de puro fermoso,
E polo teu amor que o creou.
Grazas pola pegada de ti en nós.
Grazas pola vida.
Grazas pola bondade e a beleza.
Mil grazas polo home.
Grazas por nós, porque o teu amor nos xunta
Grazas, Señor.
MÉRCORES, 31 de novembro. NO NOME DO PAI….
Os NOSOS DEFUNTOS
A vida é o mellor agasallo que temos, e paga a pena aproveitala. Ás veces adoitamos dicir: gustaríame ter 18 anos para poder facer isto ou o outro; gustaríame ser maior para poder facer o que me peta;... Queremos ser o que non somos agora, pero iso non é posible. Nós temos que ser o que somos agora, non o que imos ser dentro de non sei cantos anos. Temos que aproveitar a nosa vida. Temos que ser persoas de 13, 14, 15 ou 16 anos, aceptarnos como somos para ir cambiando aos poucos, ata alcanzar a madurez.
Ao falar da vida, non podemos esquecernos da morte. É unha parte da nosa vida, e témola que ter en conta. Nuns días celebramos a festa dos nosos santos e defuntos. Eles viviron antes ca nós; pero nós, os cristiáns, cremos que non marcharon para sempre, senón que están connosco, na casa de Deus Pai, na vida prometida por Xesús e, por iso, chamámoslles santos. Cremos tamén que a nosa relación non se rompeu, que ao rezar unímonos todos de novo. Cremos que son un exemplo para todos nós, que iluminan a nosa vida e, por iso, chamámoslles santos.
Entre eses santos contamos con san Vicente. Aprendeu que non tiña que facer nada especial para ser santo, que era suficiente con vivir con alegría a vida e os traballos de cada día, axudando aos pobres, para lograr ser santo. Xunto con el temos outros moitos santos, moitos deles están entre nós, vivos, pero tamén hai outros que xa marcharon de entre nós. Pedímoslles a todos a súa axuda, queremos imitar o seu exemplo de vida, rezamos con eles para vivir a vida con alegría, porque a vida merece a pena ser vivida.
Pensemos en como é a nosa vida; vexamos se paga a pena vivila como ata agora, ou se temos motivos para facer algo máis.
ORACIÓN (xuntos):
En vésperas da festa de "todos os Santos"
dirixímonos a ti e acordámonos de todos os homes e mulleres bos que se deixaron querer por ti ao longo da historia.
Grazas, Señor, pola gloria dos santos.
Grazas porque ti es capaz, dende o amor creativo,
de sacar do noso barro raras e preciosas obras de cerámica.
Grazas porque os nosos santos viven na túa gloria para sempre.
Dános o teu favor para que saibamos imitar o máis nobre,
o máis xeneroso e desinteresado dos nosos maiores.
Para que saibamos seguir coa túa axuda,
os exemplos de humanidade, de fe e de virtude
dos santos que habitan xa na túa casa.
Pedímoscho pola intercesión de todos os santos. Amén.
NOSOPAI
No hay comentarios:
Publicar un comentario