LUNS 8 OUTUBRO 2018. NO NOME DO PAI…..
Lectura do Evanxeo
“Deixade que os nenos se acheguen a min:
non llo impidades; dos que son coma eles é o Reino de Deus. Asegúrovos que o
que non acepte o Reino de Deus coma un neno, non entrará nel”.
E abrazábaos e bendicíaos impoñéndolles as
mans.
Palabra do Señor
REFLEXIÓN: ACOLLER AOS PEQUENOS
Xesús pon no centro do grupo a un neno para
que aprendan ben que son os pequenos os que han de ser o centro de atención e
coidado dos seus discípulos. Son os pequenos, débiles e indefensos, os
primeiros que han de ter aberto o acceso a Xesús.
A razón é moi profunda pois obedece aos
designios do Pai: «Dos que son coma eles é o reino de Deus». No reino de Deus e
no grupo de Xesús, os que molestan non son os pequenos, senón os grandes e
poderosos, os que queren dominar e ser os primeiros.
O centro da súa comunidade non ha de estar
ocupado por persoas fortes e poderosas que se impoñen aos demais desde arriba.
Na súa comunidade necesítanse homes e mulleres que buscan o último lugar para
acoller, servir, abrazar e bendicir aos máis débiles e necesitados.
O reino de Deus non se difunde desde a
imposición dos grandes senón desde a acollida e defensa aos pequenos. Onde
estes se converten no centro de atención e coidado, aí está a chegar o reino de
Deus, a sociedade humana que quere o Pai.
NOSOPAI
MARTES 9 OUTUBRO 2018. NO NOME DO PAI…..
BO DÍA. Gustaríame hoxe presentarvos
a unha persoa valente que na súa mocidade se afiliou ao Partido Obreiro de
Unificación Marxista (POUM) e aos 16 anos foi chamado a filas, durante a Guerra
Civil Española. Participou na batalla do Ebro (1938), estivo nun campo de
concentración, ... gañou o Premio Príncipe de Asturias á Concordia
en 1998 e obtivo moitos recoñecementos de distintos organismos e países. Non
sabedes quen é aínda?
Chámase Vicente Ferrer, e non é
“San”. Vicente Ferrer Moncho naceu en Barcelona, 9 de abril de 1920 e morreu en
Anantapur (India), aos 89 anos, o 19 de xuño de 2009. Non renunciou ao seu
ideal de erradicar a pobreza extrema e construír un mundo máis xusto para os
máis desfavorecidos.
De mozo pertenceu aos Xesuítas coa ilusión
de desenvolver a súa vocación: a de axudar aos demais. En 1952, chega a Mumbai
como misioneiro xesuíta para completar a súa formación espiritual, e alí mantén
o seu primeiro contacto coa India. A partires de entón, dedicará a súa vida a
traballar para erradicar o sufrimento das persoas máis pobres dese país.
Lamentablemente, o seu labor xera moitas
suspicacias entre os sectores dirixentes, que ven nel unha ameaza aos seus
intereses e conseguen unha orde para expulsalo do país. Volve ao cabo de tres
meses e chega a unha das zonas máis pobres e áridas da rexión. Alí retoma a súa
loita por axudar ás persoas máis desfavorecidas, e en 1970 deixa aos Xesuítas e
crea a Fundación Vicente Ferrer, xunto á súa futura esposa Anne Perry.
Deixamos algunhas citas súas:
* Se queres ser rico dá!;
se queres ser pobre, non deas nada a ninguén.
* Os sufrimentos e as
alegrías dos outros tamén son os nosos.
* A pobreza destrúe
á humanidade.
* Todos somos
responsables da humanidade que sofre.
ORACIÓN.
Señor Xesús, revélaste nos pequenos;
maniféstaste para que eu descubra o teu
rostro
nas xentes humildes, nas marxinadas, nas
desprezadas.
Señor Xesús, dáme un corazón sinxelo e humilde,
para que me achegue a ti e aos teus
predilectos, os pobres,
e neles te recoñeza crucificado hoxe.
Xesús, aquí estou contigo,
unido aos homes e mulleres que sofren desde
o silencio.
Estou aquí, Xesús, e no meu corazón quero
facerte presente
a todas as xentes que o dolor, a miseria, a
fame, …
ten crucificadas
AVE MARÍA
VÍDEO:
MÉRCORES 10 OUTUBRO 2018. NO NOME DO PAI…..
DÍA MUNDIAL CONTRA A PENA DE MORTE (10 de outubro)
EVANXEO: Xoán 19, 7-16
Os xudeus respondéronlle: Nós temos unha
lei, e segundo a nosa lei debe morrer, porque se fixo a si mesmo Fillo de Deus.
Cando Pilato oíu dicir isto, tivo máis
medo.
E entrou outra vez no pretorio, e dixo a
Xesús: De onde es ti? Mais Xesús non lle deu resposta.
Entón díxolle Pilato: A min non me falas?
Non sabes que teño autoridade para crucificarte, e que teño autoridade para
soltarte?
Respondeu Xesús: Ningunha autoridade terías
contra min, se non che fose dada de arriba; por tanto, o que a ti me entregou,
maior pecado ten.
Desde entón procuraba Pilato soltalo; pero
os xudeus daban voces, dicindo: Se a este soltas, non es amigo de César.
Entón Pilato, oíndo isto, levou fóra a
Xesús, e sentou no tribunal no lugar chamado o Lousado, e en hebreo Gabata.
Era a preparación da pascua, e como a hora
sexta. Entón dixo aos xudeus: Velaquí o voso Rei!
Pero eles gritaron: Fóra, fóra, crucifícao!
Pilato díxolles: Ao voso Rei hei de crucificar? Responderon os principais
sacerdotes: Non temos máis rei que César.
Así que entón entregouno a eles para que
fose crucificado. Tomaron, pois, a Xesús, e levárono.
LECTURA:
O día 10 de outubro é o Día Mundial contra
a Pena de morte.
Este é un día especial no calendario dos
dereitos humanos.
Este día pretende chamar a atención con
respecto á pena capital, a negación máis extrema aos dereitos humanos.
Na actualidade máis de 140 países din non á
pena de morte e cada ano máis países renuncian á condena de morte como pena
criminal.
E ti, que opinas? Hai que abolir a pena de morte en todos os
países?
Hai crimes que merezan a pena capital?
ORACION FINAL
Señor, escoita a nosa causa xusta,
atende o noso clamor,
presta oído á nosa oración.
Que veña de ti a nosa sentenza,
pois ti sabes o que é xusto!
Afastámonos de camiños de violencia,
de acordo cos teus mandatos.
Seguimos firmes nos teus camiños;
Xamais nos apartamos deles.
Dános unha clara mostra do teu amor,
ti, que salvas dos seus inimigos
aos que buscan protección no teu poder.
Cóidanos e protéxenos baixo a sombra das
túas ás. Amén
XOVES 11 OUTUBRO 2018. NO NOME DO PAI…..
EVANXEO dos Feitos dos apóstolos 4,32-35
«A multitude dos crentes tiña un só corazón
e unha soa alma. Ninguén consideraba os seus bens como propios, senón que todo
era común entre eles. Os Apóstolos daban testemuño con moito poder da
resurrección do Señor Xesús e gozaban de gran estima. Ningún padecía
necesidade, porque todos os que posuían terras ou casas vendíanas e poñían o
diñeiro a disposición dos Apóstolos, para que se distribuíse a cada un segundo
as súas necesidades».
Reflexión
Cada curso que pasa hai novidades. Ás veces
compañeiros que cambian de centro e outras, novas incorporacións. Con eles compartimos moitísimas horas. De clase, de actividades, de momentos formativos e
tamén de excursións, deportes, festas… Tamén é un grupo onde se comparten
ilusións, ideais e onde reflexionamos sobre o que nos toca vivir. Aí xurdirán
preguntas.
Como todo grupo humano a suma de persoas é
moito máis que unha simple suma. Multiplícanse os valores, as ideas, as
vivencias...
O tempo compartido é ESPERANZA e unha gran oportunidade
para aprender: a convivir, a respectar, a querer, a perdoar, a ser mellores
persoas.
Como se pode ver, non hai tempo para o
aburrimento e si tempo que aproveitar e gozar xunto aos compañeiros e amigos,
profesores e a familia.
Convidámosvos a aproveitar esta
oportunidade e a gozar no noso grupo de clase e do colexio dun ambiente onde
todos e todas sintan acollidos, apreciados e compartindo xuntos metas, esforzos e esperanzas.
Coñeces ben aos teus compañeiros de curso?
Como podemos lograr que haxa bo ambiente entre todos os compañeiros?
CUENTA CONMIGO: https://www.youtube.com/watch?v=0JI6tuR5_94
No hay comentarios:
Publicar un comentario